Nigrán Decide: “A Xunta só manda notas de prensa relativas ás praias de Nigrán”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Desembocadura do Río Muíños.

Nigrán Decide considera que a irresponsabilidade do goberno municipal, ao non sinalizar a prohibición de baño durante o período de contaminación acontecido o pasado mes de agosto na principal praia de Nigrán, non é motivo para o ensañamiento da Xunta contra Nigrán.

O grupo municipal considera fóra de lugar a nota de prensa enviada pola Xunta de Galicia este xoves indicando a existencia de contaminación no areal de Area Fofa, cando o Concello xa cumprira coas súas obrigas de sinalizar a prohibición de baño, e pregúntanse se esa vai ser a política da Xunta de Galicia a partir de agora: mandar notas de prensa avisando da contaminación cando se dea un período de contaminación. “Se iso vai ser así, esperemos que sexa en todos os concellos”, advirten.

“Fuxindo do vitimismo, o noso grupo municipal achega datos, como o feito de que dos publicados pola Xunta de Galicia, temos indicios de que durante o mes de agosto producíronse máis situacións puntuais de contaminación nas praias do Val Miñor”, engaden desde Nigrán Decide.

Concretamente, de dita información despréndese que o día 7 de agosto se fixeron analíticas en todas as praias do Val Miñor, excepto en dúas, descoñecéndose as razóns polas que a Xunta só manda notas de prensa relativas á praia de Nigrán. Esta situación repetiuse o 22 de agosto no que se fixeron analíticas de todas as praias excepto en tres, enviando a Xunta de Galicia unicamente notas de prensa das praias de Nigrán. “Aínda que descoñecemos exactamente os motivos polos que en todas esas praias as analíticas que se publican son uns días despois que o resto das do Val Miñor, da información que ten o noso grupo municipal, esa circunstancia dáse cando hai contaminación e é necesaria repetir a analítica”.

O grupo municipal de Nigrán Decide esixe á Xunta de Galicia que explique a razón pola que no Concello non consta ningún aviso de valores elevados de microorganismos detectados en praias de Nigrán nos anos 2012 e 2014 cando en Nigrán gobernaba o Partido Popular. Tamén pedirá explicación, de confirmarse que no mes de agosto ou neste verán producíronse outras situacións nas que se debía desaconsellar o baño, a razón pola que só informa das praias de Nigrán.

O problema da contaminación no litoral de Nigrán é real, tal como con relación ao incidente ocorrido a mediados de agosto recoñece o alcalde, e non se soluciona negándoo ou con polémicas absurdas para tratar de desviar o foco do verdadeiro problema e derivar responsabilidades.

“Este grave problema que ten Nigrán soluciónase traballando, cooperando entre todas as partes implicadas, con sinceridade, sen enganos e con propostas en positivo como foi a nosa do Plan de control de verteduras”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “o lixo non se esconde debaixo da alfombra, pois ao final estalan os problemas como aconteceu este mes de agosto”, finaliza Cuevas.

Anuncios