O PP, a través do seu Grupo Municipal, considera que toda a polémica xurdida polo episodio de contaminación en praia América ten un único responsable, o alcalde de Nigrán.
“E a responsabilidade do alcalde está en que é o concello o que ten as competencias sobre o saneamento e neste caso non se tomou ningunha medida preventiva nin de mellora nesta contorna. Pero máis responsabilidade ten o alcalde porque tomou a decisión política de non executar un proxecto de máis de 800 mil euros que o anterior goberno popular deixou para a súa execución e co financiamento correspondente, para a mellora da senda do Río Muíños, proxecto no que se incluían actuacións para o seu saneamento practicamente integral. Con todo, o alcalde polo seu deixamento e incapacidade de xestión non puxo en marcha este proxecto e esta é unha das consecuencias”, aseguran os populares nun comunicado.
Pero máis grave aínda para o PP resulta que unha vez producido o episodio de contaminación e sendo avisado por Sanidade sobre a necesidade e obrigación de informar á poboación polos riscos que supoñía nese momento a calidade da auga, decidise non facer caso á administración autonómica e poñer en risco aos bañistas desta praia. “A súa actitude de pasotismo e de tomarse de broma absolutamente todo, coma se a xestión municipal fose un xogo de nenos, provocou as supostas contaminacións de persoas, que hoxe mesmo denuncian o sucedido publicamente, e un dano enorme á imaxe de Nigrán”.
“Ante este incumprimento da normativa e poñer en risco aos bañistas, o alcalde sométese a un expediente sancionador que pediremos pague do seu peto e non do de todos os veciños de Nigrán xa que a responsabilidade é soamente súa, no caso de que se confirme dita sanción, e a actuación supostamente neglixente vén provocada pola súa actitude e decisión persoal e política de non facer nada”, conclúe o comunicado.

