Máis de 120 deportistas, nas categorías feminina e masculina, de decenas de clubs pertencentes á Federación Galega de Petanca, disputan este sábado nas canchas de Bolos da Carrasca o XVII Torneo de Petanca Concello de Nigrán. A competición, organizada polo club anfitrión e o Concello, arrancará ás 9:00 horas e finalizará ao redor das 22:00 horas, facéndose un descanso entre as 14:00 e 16:00 horas. O sistema de xogo empregado será o “Suízo Internacional” a 7 roldas, elaborado cun programa informático. Os catro primeiros equipos clasificados xogarán as semifinais das que sairán os dous que competirán pola vitoria.
Dende a organización darase o sinal de comezo simultáneo de todas as partidas, que rematarán cando un dos equipos chegue aos 13 puntos. Aos 45 minutos do comezo da rolda, a organización dará o sinal de concluír as que non acabaran antes, a partir dese momento en cada encontro xogaranse dúas tiradas completas máis, se algún dos equipos en algún momento acada os 13 puntos rematará o encontro, se ningún dos equipos chega ós 13 puntos gañará o equipo que máis puntos teña ao rematar as dúas tiradas. No caso de empate, despois das dúas tiradas adicionais xogarase unha terceira que decidirá o gañador.

