Sin categoría

O PSOE de Baiona pide a creación dunha gardería, un centro de día e un albergue para peregrinos

O Grupo Municipal Socialista de Baiona pedirá no pleno deste xoves mediante senllas mocións a creación dunha gardería, un centro de día e un albergue para peregrinos.

Segundo o seu voceiro, Rafael Lores, a gardería e o centro de día son necesarios para poder consolidar poboación, servizos imprescindibles para conciliar a vida laboral e familiar. “Entendemos que a gardería debería situarse na contorna de Sabarís atendendo á poboación de Baíña, Belesar e Sabarís, quedando a de Baiona para Baredo e Baiona”.

O Grupo Municipal Socialista asegura que son moitas as queixas que reciben por parte de veciños e veciñas ante a imposibilidade de matricular aos seus fillos na escola infantil pública. “Temos constancia de que unha porcentaxe de preto do 40% dos alumnos que fan a solicitude para ingresar na gardaría non son admitidos, por un déficit de prazas que cómpre resolver á maior celeridade posible”.

Baiona conta cun centro de día mancomunado con 40 prazas para unha poboación que rolda os 45.000 entre os tres municipios. “Esta problemática vense prolongando no tempo, e tendo en conta o envellecemento da poboación da nosa vila, fai que esta situación supoña algo preocupante e precario”, afirma o voceiro socialista.

“Outra necesidade é a construción dun albergue para peregrinos. A afluencia de peregrinos polo noso concello é algo recoñecido por todos. O goberno municipal é alleo a esta realidade. Desde o Grupo Municipal Socialista entendemos que é urxente a creación dun albergue que dea servizo e que sitúe a Baiona como destino na Ruta Xacobea. Cremos que podería estar situado en parte da recentemente expropiada Casa de Teresina”, sinala Lores.

Para os socialistas, Baiona está estancada nun modelo turístico marcadamente estacional, que produce unha ocupación masiva da vila durante un corto período de tempo, en detrimento dunha ocupación sostible durante todo o ano.

Unha das solucións que propoñen dende o Grupo Socialista é a aposta polo Camiño Portugués pola costa. “A falta de visibilidade que está a ter Baiona neste eido é máis que preocupante, considerando que vilas da nosa contorna contan cun tecido moito máis consolidado para a atención integral ao peregrino. Tendo en conta que o volume de peregrinos que transitan polas nosas rúas en todo o ano está claramente a crecer, debemos dotar a Baiona dun lugar para albergalos, co fin de que o maior número posible pernoite na mesma e deste modo incentive o consumo. É o momento de efectuar unha aposta seria co fin de desestacionalizar o turismo e que supoña unha fonte de ingresos ao longo do ano. Ademais disto, trátase dun momento estratéxico onde podemos participar do crecemento do Camiño pola Costa cara o próximo ano Xacobeo que terá lugar no 2021”, conclúe Lores.