Sin categoría

Feijóo e Rodal analizan os novos proxectos para Baiona

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, mantiveron este mércores unha reunión de traballo en Santiago para analizar e deseñar os novos proxectos para a Vila, así como para pasar revista ás últimas inversións do goberno autonómico no municipio.

O máximo mandatario galego recibiu ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Urbanismo, Ana Simóns, en San Caetano, despois de que o rexedor solicitara o pasado mes unha xuntanza na que poder presentar diferentes iniciativas a desenvolver na Vila de forma inmediata.

O Camiño Portugués da Costa foi un dos temas analizados polo miúdo nunha reunión na que foron presentados os últimos datos que reflicten a espectacular evolución do número de peregrinos que elixiu a ruta xacobea por Baiona tras a súa declaración oficial hai agora un ano.

“As cifras dos últimos doce meses son espectaculares e amosan un importante incremento de visitas á Vila a través do Camiño da Costa, polo que o presidente mostrouse moi interesado en potenciar iniciativas para promover a afluencia de peregrinos”, explicou Rodal.

A mellora da ruta xacobea ao seu paso por Baiona, así como o incremento de servizos a disposición dos camiñantes e as necesidades da Vila para poder ofrecer aos seus visitantes, foron algunhas das propostas que o presidente da Xunta coñeceu de primeira man.

Durante o encontro, Alberto Núñez Feijóo tamén interesouse polos excelentes datos rexistrados en Baiona durante esta tempada estival, cun importante incremento de visitas e unha das ocupacións hoteleiras máis importante dos últimos anos.

Ademais, o alcalde e a concelleira de Urbanismo repasaron xunto ao presidente outras inversións que o goberno autonómico está a levar a cabo na Vila, como a reforma do principal acceso por estrada ou as melloras no servizo de abastecemento.

O presidente da Xunta tamén aproveitou a xuntanza para desexar sorte na súa nova etapa a edil Ana Simóns, que este xoves deixará o cargo polo seu cambio de residencia.