Sin categoría

O IEM organiza unha xeira pola Fortaleza de Monte Real

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza este xoves 7 de setembro a xeira “Fortaleza de Monte Real”, dentro do seu programa de xeiras de verán 2017, contando coa colaboración do Concello de Baiona. O punto de encontro da xeira, que estará guiada polo especialista Anxo Rodríguez Lemos, será na Oficina de Turismo ás 18:30 horas.

Case tres quilómetros con triplo cinto de murallas pechan aproximadamente as 18 hectáreas centrais da península de Monte Boi en Baiona. Ao pé dos seus breves extramuros con pronunciadas costas ábrense as praias da Concheira, Os Frades, A Barbeira e A Ribeira; este último areal, aberto ao Norte e protexido pola Doca, acolle o porto de Baiona, vila inmediata unida a Monteboi polo istmo da Palma.

A historia da fortaleza foi parella ao esplendor de Baiona desde que na Alta Idade Media se converte en vila urbana e principal porto das terras de Turonio. Entre os moitos fitos históricos destacables que presenciou, alén da chegada da carabela Pinta en 1493, houbo episodios claves da guerra civil do século XIV, con Suero Yañez de Parada como figura miñorana sobranceira, ou 1452, cando Juan II de Castela e León ratifica a importancia deste porto ao autorizalo para comerciar co estranxeiro xunto coa Coruña. Os dous únicos de toda Galicia con rango semellante.

En 1497, fai xa 520 anos, os Reis Católicos mudáronlle o nome de Monte do Boi polo de Monte Real ao fundar unha nova vila no interior da fortaleza baixo o amparo real. A Baiona extramuros floreceu á par da intramuros no século XVI coa reactivación da pesca e o comercio, este último, beneficiado polo favor real de comerciar coas Indias dende 1529 a 1573. Baiona crecería un 132% entre 1528 e 1591, pasando de 393 a 915 veciños e superándose os 100 habitantes/km2 no Val de Miñor. Entre os séculos XVI e XVIII as murallas son reforzadas e aumentadas ata a súa total ruína cando os canóns da antiga praza militar enmudecen un 24 de outubro de 1843. Os asistentes coñecerán a historia das súas portas históricas, das torres defensivas, baluartes, paisaxe da súa contorna e incluso a vida dos seus propietarios dende que, en 1874, sae tras moitos inconvenientes o espazo amurallado a poxa pública. A visita será guiada polo historiador baionés Anxo Rodríguez Lemos quen, recentemente, vén de presentar na Universidade de Santiago de Compostela o seu traballo de fin de máster titulado “A paisaxe cultural da fortaleza de Monte Boi: proposta didáctica aplicada” no IES Primeiro de Marzo de Baiona.

A xeira rematará observando o solpor dende A Torre do Príncipe e Batería de Santiago.