Novos equipos e adestradores no CB Nigrán

FOTO: CB NIGRÁN

Os equipos de minibasquet do Club Baloncesto Nigrán iniciaron este luns os adestramentos de pretempada no pavillón do CPI de Panxón. Preto de 50 nenos e nenas repartidos nas categorías baby, benxamín e alevín que se irán incorporando ao longo desta semana e a seguinte. A gran afluencia de nenos e nenas da categoría alevín, superando neste momento os 20, fixeron que o club tomase a decisión de crear dous equipos nesta categoría e dar cabida así á gran demanda que están a ter.

Esta nova tempada trae tamén a novos adestradores ao club como é o caso de Paula Chousal Prieto, que será a responsable dun dos equipos alevíns. Esta nova técnica cumpre co perfil de adestrador que buscan desde o club, onde prima a formación integral de cada neno/a e a educación en valores ademais dos resultados deportivos.

Daniel Fernández Vargas seguirá dirixindo ao equipo benxamín, do mesmo xeito que fixo a tempada pasada pero incorporará este ano ao equipo baby, e Nuria, directora deportiva do club, será a responsable do outro equipo alevín, ademais do infantil e cadete masculino.

Estes adestradores, xunto a Xabi Barra que xa estivo a tempada pasada no club e que dirixirá esta que entra aos equipos infantil e cadete feminino, conforman o corpo técnico do Club Baloncesto Nigrán.

Un total de 9 equipos, coa incorporación este ano do sénior masculino, e preto de 100 fichas federativas que veñen atesourar o bo labor realizado no club e que se complementa coa continuidade e ampliación das diferentes escolas de baloncesto que o club ten nos colexios de Nigrán e que darán comezo a partir do próximo mes de outubro.