Continúa o conflito no sector do percebe de Baiona. Percebeiros de a flote decidiron este martes ir faenar por terra, segundo indican, polas malas condicións de mar. Axentes dos Gardacostas de Galicia tentaron comisar o percebe en Cabo Silleiro, pero finalmente permitiron a súa poxa na lonxa para realizar o comiso sobre a venda. A Garda Civil e a Policía Local de Baiona tivo que acudir á primeira hora da tarde para acougar os ánimos.
“As condicións de mar permiten perfectamente traballar”, aseguraba Susana González. Segundo a patroa maior a razón é outra, e é que “na zona de a flote non hai percebe porque os propios furtivos que están entre eles roubárono”. Outro dos motivos, asegura, é o mellor prezo obtido na poxa de onte polos percebeiros de terra. “Decidiron hoxe que ían faenar por terra para gañar máis diñeiro porque no mar non hai percebe, simple e sinxelamente”.
“O Plan de Explotación indica que cando as condicións climatolóxicas son adversas, é o patrón do barco o que decide, e 15 ou 16 barcos decidiron hoxe que non ían por mar porque era duro e a outra metade decidiu que si”, sinalou Roberto Cabral, un dos armadores. “Ao final traballamos as 30 embarcacións no mesmo sitio. Non nos poden quitar o percebe porque non hai ningunha lei que o permita”, engadiu.
“O que ten que facer é cumprir a lei. A nós comísannos o percebe, con que artigo?, en que base legal?… non hai base legal, entón non nos pode sancionar nin coaccionar”, asegurou Ana Belén Rodríguez referíndose á patroa maior. Ambos coinciden en que “o que quere é dividir o sector pero non ten os apoios suficientes”.

