Máis de 500 persoas de 18 concellos da provincia súmanse aos obradoiros de “Depo en Marcha”

Dezaoito concellos da provincia súmanse esta próxima semana a unha nova entrega dos obradoiros do programa “Depo en Marcha 2017” da Deputación de Pontevedra. Esta acción da institución provincial impartirá, ao longo deste exercicio, un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra.

A partir do luns 4 de setembro, Mos, Ponteareas, Pontevedra e Covelo acollerán catro novos cursos deste programa da institución provincial. Por un lado, 19 persoas da Asociación Recreativa e Cultural de Guizán, en Mos, participarán nun obradoiro de ximnasia de mantemento que estenderase ata o 20 de decembro. Pola súa parte, en Ponteareas, impartirase a 15 persoas da Asociación C. R. D. San Martín de Moreira un curso de plantas medicinais que rematará o 6 de novembro. Ademais, ese mesmo luns arrancará en Pontevedra un obradoiro de risoterapia no que participarán 21 persoas da Residencia de Mayores Campolongo. Tamén iniciarase en Covelo un curso para conservar a memoria dirixido a 16 persoas da Asociación Cultural e Deportiva Río Xabriña de Paraños.

O martes 5 de setembro serán ata 9 os obradoiros do programa de “Depo en Marcha 2017” que darán comezo na provincia. Dende ese día, Pontevedra acollerá dous novos obradoiros, un de musicoterapia, no que participarán 15 persoas da Asociación Juan XXIII, e outro de pilates dirixido a 18 persoas da Asociación Cultural A Queimada. En Barro, 26 usuarios e usuarias da Asociación Peñaflor asistirán ata o vindeiro 12 de decembro a un curso de pandeireta e canto popular. Ese mesmo día tamén comezará un obradoiro de arte con flores en Moraña, para 20 persoas da Asociación Cultural Chorima; un de ximnasia de mantemento en Mos, dirixido a 19 persoas da Asociación de Veciños de Dornelas; un en Nigrán de pilates para 24 persoas do Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor; un tamén de ximnasia de mantemento en Cerdedo-Cotobade dirixido a 25 persoas da Asociación de Veciños O Agro; outro en Soutomaior, de conservación da memoria, e, por último, un de risoterapia en Vigo.

O día seguinte, o mércores 6 de setembro, será a quenda de outros cinco novos obradoiros. Cangas do Morrazo acollerá un de conservación da memoria, dirixido a 15 persoas da Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs; Lalín, un de control e manexo da ansiedade e do estrés, no que participarán 16 persoas da Asociación para la Protección de los Ancianos de Lalín; Salceda de Caselas, un curso de cestería para 20 membros e membras da Agrupación Cultural Xunco; Soutomaior, tamén un obradoiro de conservación da memoria para 22 persoas da Asociación de Veciños San Benito de Romariz, e en Vigo comezará un de musicoterapia no que participarán 22 persoas da Asociación Veciñal Doutor Fleming.

Pola súa banda, o xoves 7 de setembro iniciaranse en catro concellos da provincia outros catro novos obradoiros de “Depo en Marcha 2017”. En Tui e Ponteareas empezará ese mesmo xoves un curso de artes florais que no caso de Tui está dirixido a 15 persoas do seu Centro Sociocomunitario e no caso de Ponteareas beneficiará a 15 persoas do Centro Cultural de Xinzo. Por último, o 7 de setembro darán comezo un obradoiro de musicoterapia en Baiona, para usuarios e usuarias da Asociación de Veciños de Castro e Ladeira, e un de arte con flores en Pazos de Borbén para a Asociación Social e Cultura do Pensionista.

Ademais, o venres 8 de setembro, Cerdedo-Cotobade, Redondela e Sanxenxo acollerán o inicio de tres novos obradoiros. No caso de Cerdedo-Cotobade será un curso de ximnasia deportiva que rematará o 21 de decembro e que está dirixido a 25 persoas da Asociación Prejubilados, Jubilados y Pensionistas de Viascón. Pola súa parte, Redondela será escenario dun obradoiro de cociña galega no que participarán 25 persoas do Centro Social e Cultural de Cedeira, e en Sanxenxo empezará un de conservación da memoria para 17 persoas do Club de Jubilados y Pensionistas de Portonovo. Por último, o sábado 9 de setembro dará comezo en Redondela un obradoiro de bailes de salón no que participarán 28 persoas do Círculo Cultural Deportivo de Cesantes.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con “Depo en Marcha 2017”, a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

Anuncios