Ana Simóns deixará o seu cargo no Concello de Baiona no vindeiro pleno

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ana Simóns nunha sesión plenaria.

A concelleira de Urbanismo de Baiona, Ana Simóns, deixará o seu cargo no Concello por un cambio de residencia que lle impedirá compatibilizar o traballo que desenrolou durante a última década ao servizo dos veciños do municipio.

A edil presentou este luns no rexistro do Concello de Baiona a súa renuncia a acta de concelleira e formalizará a súa baixa no cargo o vindeiro xoves durante a sesión do pleno correspondente ao mes de setembro.

Ana Simóns, que actualmente é segunda tenente de alcalde, desenvolveu o seu labor á fronte da área de urbanismo desde 2007, período no que se aprobaron o PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), o PEPCHAB (Plan Especial de Protección do Casco Histórico Artístico de Baiona) ou o Plan Especial do Porto de Baiona, ademais de importantes reformas como a de a rúa Areas, a rehabilitación do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal Sancti Spiritus ou a humanización da rúa Carabela Pinta, entre outras actuacións.

Esta decisión no ecuador do mandato foi coordinada tanto co alcalde, Ángel Rodal, como coa dirección provincial do Partido Popular e permitirá que non se resinta o funcionamento das áreas que xestionaba ata agora.

“Marcho agradecida por formar parte do Goberno local ao longo destes anos, tamén quero dar as grazas a todos os traballadores do Concello, en especial cos que compartín responsabilidades de xestión, e igualmente a todos os veciños de Baiona pola oportunidade de poder axudar a resolver os seus problemas e traballar na mellora do noso pobo”, afirmou a concelleira.

Simóns, tras deixar a súa actual responsabilidade pública, trasladará a súa residencia a Granada, circunstancia que imposibilita a plena dedicación da súa actividade municipal como concelleira.

O alcalde, Ángel Rodal, e todo o equipo de goberno desexáronlle a Ana Simóns moita sorte na súa nova etapa vital e agradeceron a labor que levou a cabo. “Durante a última década, tivo a dura tarefa de aprobar documentos tan importantes para os veciños como o Plan Xeral ou o Plan do Casco Histórico, o seu paso polo Concello está marcado pola súa entrega ao traballo, a profesionalidade e a eficacia, factores que estou seguro que manterá na súa próxima etapa”, apuntou o rexedor.

Anuncios