A Volta Ciclista á Illa de Tenerife finalizou con Jesús Nanclares subindo ao podio para recoller o premio da combatividade da terceira e última etapa. O berciano do Club Ciclista Rías Baixas foi o gran animador da xornada e rozou a vitoria. Ocupou a segunda praza na meta da Lagoa tras ser superado ao sprint polo italiano Umberto Marengo (Gallina Colosio).
O xefe de filas da entidade presidida por José Luis Chamorro buscou desde o bandeirazo inicial en Los Silos repetir o triunfo asinado na primeira etapa. Recuperado das malas sensacións do sábado, cando perdeu 18 minutos e despediuse das súas opcións na xeral, Nanclares pasou fuxido e en terceira posición polo Sprint Especial de San Juan Rambla, no quilómetro 20.
No seguinte punto quente, a meta Volante da Costa da Vila (km 37), ocupou a terceira praza e posteriormente foi alcanzado polo líder Erlend Sor e o resto de homes máis fortes da carreira no único porto de montaña da xornada. O vixente campión Elite de Castela e León aguantou o ritmo e na Meta Volante do Torreón puntuou en segunda posición.
Nove unidades formaron o grupo de cabeza que se xogou a vitoria parcial despois de 63 kms de percorrido. Na recta final, Marengo impuxo a súa punta de velocidade e Nanclares tivo que conformarse con ser segundo. O terceiro posto correspondeulle a Aitor Escobar (Tenerife).
Ao berciano do conxunto miñorano tamén se lle resistiu o triunfo nas Metas Volantes e nos Sprints Especiais, terminando segundo en ambas as dúas clasificacións. A organización da carreira premiouno como o corredor máis combativo do día.
Nanclares concluíu 27º na xeral, xusto por diante do seu compañeiro Jaime Guzmán. A próxima cita do Club Ciclista Rías Baixas será desde o vindeiro xoves outra cita puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, a Volta Provincia de Valencia.

