Sin categoría

A Xunta inviste 342.000 € en mellorar a accesibilidade e reformar a Residencia de tempo libre de Panxón

A Residencia de tempo libre de Panxón loce un aspecto máis moderno e xuvenil tralas obras acometidas pola Xunta nas instalacións localizadas preto da praia de Patos. Unha profunda reforma na que a Administración autonómica investiu nos últimos dous anos 342.037,07 euros, mellorando notablemente o seu aspecto.

As positivas valoracións dos usuarios e o persoal púidoas comprobar de primeira man o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen visitou esta mañá as obras acompañado pola xefa territorial de Política Social en Pontevedra, Marta Iglesias, e a directora da residencia.

A remodelación integral iniciouse o pasado ano coa zona de recepción e distribución da planta baixa, incluíndo o comedor, a adaptación dos baños públicos e a reparación do ascensor, para os efectos de dar cumprimento aos criterios de accesibilidade, mellorando notablemente a estética e funcionalidade do centro. Unhas actuacións que se complementaron no presente exercicio coa adaptación de catro habitacións para usuarios de mobilidade reducida, con camas articuladas e escritorios abatibles, e os seus respectivos aseos.

Tamén se executaron obras de pintura, carpintería e fontanería, mellorouse a seguridade coa instalación dunha central de alarmas e a accesibilidade exterior co nivelado de terras e a instalación dunha soleira na zona de acceso de vehículos ao centro, que presentaba dificultades de tránsito.

2017-09-02 - 20170902HabitacionsAdaptadasPanxon