Desde o 1 de setembro, xa se pode comprar con Bitcoins en Gondomar. O comercio Kukadas incorpora este método de pago a través do seu portal http://www.kukadas.tienda, podendo pagar na tenda física ou pedir a compra a domicilio de forma gratuíta.
Bitcoin é a moeda dixital máis usada de todo o mundo. A súa maior diferenza fronte ao resto de moedas é que se trata dunha moeda descentralizada, polo que non ten un emisor central como outras moedas tal como os dólares ou os euros. Esta criptomoneda é mantida por persoas e empresas de todo do mundo dedicando parte dos seus recursos informáticos.
Ao non pertencer a ningún Estado ou país, pode usarse en todo o mundo por igual. Pode comprarse e cambiarse por moeda local (euros, libras, dólares, etc.). Resulta útil nas transaccións por internet dado que preserva a privacidade do usuario e incorpora un sofisticado sistema criptográfico para evitar a súa falsificación ou duplicación.
Países como Xapón ou Australia decidiron fomentar o comercio a través de Bitcoins. A modo de exemplo, no país nipón calcúlase que xa hai máis de 250.000 establecementos que aceptan o seu uso. Con todo, a incidencia en España aínda é moi baixa, concentrándose en grandes cidades e zonas turísticas. A modo de exemplo, Madrid conta con 82 establecementos, Mallorca 19, etc.
A chegada do Bitcoin ao Val Miñor marca outro paso para situar a comarca na vangarda das novas tecnoloxías, e vén da man do comercio que recentemente foi galardoado co premio nacional de mellor Estratexia Dixital nos prestixiosos premios do Día da internet. «O Bitcoin é a moeda dixital máis usada no mundo, non podiamos esperar máis para ofrecer este método de pago aos nosos clientes», menciona Olga López, propietaria do comercio, quen sitúa esta iniciativa dentro da súa estratexia de dixitalizar o pequeno comercio.

