Gondomar ofrece 10 días de tapas a 2,50 euros

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Presentación da 5ª edición de "As Tapas do Conde".

Este xoves presentouse no Centro Neural de Gondomar a quinta edición de “As Tapas do Conde”, nun acto que contou coa presenza do alcalde, Paco Ferreira, o Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba, o vicepresidente de Ovalmi, José Ángel González, e algúns dos hostaleiros participantes.

Desde o 1 ao 10 de setembro 12 establecementos de Gondomar ofrecerán 24 tapas por tan só 2,50 euros. Durante as dez xornadas, os veciños, visitantes e turistas poderán degustar gran variedade de elaboracións: timbal crocante de carrilladas de porco, pastel de atún, zamburiñas en salsa de vieira, cigala en arroz caldoso trufado, ovos á cazola, torta da avoa, filloa rechea de chocolate, torta de arroz con leite, flan de café…

Os consumidores decidirán ademais cos seus votos cal é a tapa gañadora nas categorías doce e salgada. Entre os participantes sortearase un bono Talaso e Gastro, consistente nun percorrido mariño dunha hora e comida ou cea concertada no Hotel Talaso Atlántico de Oia.

Os establecementos participantes son Restaurante Pazo da Escola, Restaurante Vitrola, Tapería Ágora, Bocatería Lalo’s, Cafetería Keik, Cafetería Alameda, Bar Couso, Café Bar Estanco, Bar Gondomar, A Galiña do Ardora, Hamburguesería Plaza e Cafetería El Temple.

“As Tapas do Conde” está organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi) e a Concellería de Comercio de Gondomar.

Anuncios