Nigrán critica que a subvención da Xunta só cubra 15 dos 17 socorristas da comarca

FOTO: PEPE COSTAS // Posto de Protección Civil en Panxón.

O goberno de Nigrán considera unha «grave incompetencia e neglixencia» que a Xunta de Galicia agardase ata hoxe, 30 de agosto, para aprobar a concesión da subvención para contratar a só 15 dos 17 socorristas que prestan os seus servizos ata mañá nas praias de Nigrán e Baiona a través da Mancomunidade. Esta demora na convocatoria da subvención e posterior tramitación por parte da Mancomunidade supón que Patos e Panxón en Nigrán e Concheira e Frades en Baiona tivesen que retirar as súas bandeiras azuis este luns.

«Ata o día de hoxe, 30 de agosto, non contábamos aínda coa resolución dunha subvención que é para contratar socorristas do 1 de xullo ao 31 de agosto, é algo inaudito e que amosa unha desidia total», valora o alcalde, Juan González. Ademais, pese a que a Mancomunidade ten contratados a 17 socorristas (os que pasaron as probas, porque o número requirido eran 27) a Xunta só outorga a subvención para 15 socorristas. «A Xunta concede unha axuda que nin de lonxe chega para cubrir as necesidades das praias de Nigrán e Baiona, máximo tendo en conta que as que teñen bandeira azul precisan 2 socorristas como mínimo. É chocante que pedindo 27 socorristas concedan 15, nin sequera cubre os 17 que se puideron contratar a última hora», destaca o alcalde.

O Concello de Nigrán fai unha valoración negativa do procedemento de concesión de subvencións por parte da Xunta, que retrasa cada ano a súa aprobación a un límite inconcibible, nesta caso a só 24 horas de que finalicen o contrato. Este retraso na convocatoria e posterior tramitación e selección por parte da Mancomunidade fixo que resultase imposible reunir os 27 socorristas solicitados para Baiona e Nigrán, aprobando só 17 aspirantes dos 21 presentados. A punto de finalizar o contrato, moitos collen os días libre que lle corresponden, incumpríndose así o ratio mínimo de ADEAC para as bandeiras azuis de 2 socorristas por praia. «Está claro que o vindeiro ano teremos que buscar solucións ao marxe da Mancomunidade e da subvención da Xunta para garantir as bandeiras azuis, recorreremos a fondos propios para que isto non se repita», finaliza o alcalde.