Nigrán bonificará o 75% do imposto de terrazas e flexibilizará a súa ampliación

O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou este venres co presidente da asociación de empresarios Ovalmi, José Luis Froiz, un convenio de colaboración para que desde o Concello se bonifique o 75% da taxa de terrazas e, ao mesmo tempo, se sexa flexible de cara a súa ampliación. O goberno local toma ambas medidas co obxectivo de apoiar á hostalaría ante a crise do Covid-19, circunstancia que prexudica especialmente a este sector ao minguarse o espazo útil das terrazas por cuestións de seguridade sanitaria, que obrigan ao distanciamento social. Os interesados na súa ampliación deben presentar a solicitude a través do mail secretariap@nigran.org indicando nome do local, teléfono de contacto e dirección.

“Gustaríanos bonificar o 100% do imposto de terrazas pero é legalmente imposible, o máximo permitido é o 75%. Agardamos que Costas do Estado e da Xunta tamén realicen estes descontos porque a eles lles corresponden as terrazas do paseo marítimo de Panxón e do peirao. Por outra banda, seremos moi flexibles na súa ampliación permitíndoa sempre que non prexudique a terceiros nin á accesibilidade, como é lóxico”, sinala o alcalde, Juan González, quen xa mantivo encontros con hostaleiros de Panxón, A Carrasca, Praia América ou A Ramallosa, que manifestaron o seu desexo de poder aumentar o espazo de uso de terraza para compensar co número de mesas reducido por mor do Covid-19. “Resolveremos cada petición no mínimo tempo posible porque entendemos que é un asunto urxente para os hostaleiros pero que tamén beneficia á veciñanza que desexa ter momentos de ocio coa máxima seguridade”, incide González.