5ª sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA // 4ª sesión de "Unha tapa con Carlos Casares".

Como todos os últimos xoves de cada mes, a Libraría Libraida e a Taparía A Galiña de Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

O acto, que comezará ás 20:30 horas, está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía. Nesta ocasión “Os escuros soños de Clío” comentada por Carlos Méixome e “10 lecturas compartidas con tapa”.

“Viquingos sanguinarios, curas inquisidores, republicanos, fidalgos e masóns xúntanse nas páxinas d´Os escuros soños de Clío, un exercicio de ficción histórica en forma de pequenos relatos publicado orixinalmente por Edicións do Cerne en 1979”.

“Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela”.