Gondomar despide ás súas patinadoras antes de partir cara a China

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, despediu este luns ao equipo de patinaxe artística do CPA Gondomar antes de partir cara á cidade chinesa de Nanjing para participar nos World Roller Games, que agrupan os Mundiais de todas as modalidades que forman os deportes sobre rodas.

As dez patinadoras de entre 15 e 28 anos, capitaneadas polo seu adestrador, David Figueroa, viaxan ao país asiático para competir o vindeiro domingo 3 de setembro ás 18:30 horas (10:30 en España) na modalidade de Grupos Show Pequenos, co seu programa “Alma Torera”.

O Concello de Gondomar instalará unha pantalla xigante no Auditorio Municipal Lois Tobío para que todos os veciños que queiran achegarse poidan ver a retransmisión en directo da proba deportiva a través de streaming.

“Pase o que pase, estamos e estaremos sempre orgullosos de vós mozas”, concluíu o alcalde, á vez que felicitou a todo o equipo e ao seu adestrador David, polos éxitos cultivados e levar o nome de Gondomar por todo o mundo.