Continúa o ciclo “Baiona con humor” con Celso Sanmartín

Este mércores 30 de agosto continúa o ciclo “Baiona con humor”, incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2017 organizada pola Concellería de Cultura, coa actuación de Celso Sanmartín. Será a partir das 23:00 horas na Praza do Concello de Baiona.

Empezou por casualidade e oportunidade. Continúa porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é como falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

O seu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para palpalas, que tamén son actuais, que aquí están e non como pezas de museo. Tamén inventa historias e contos, como calquera…

Anuncios