CPA Gondomar: Destino Nanjing para mostrar a súa “Alma Torera” ao mundo

Este domingo comezaron na cidade chinesa de Nanjing os World Roller Games, que se celebran por primeira vez e que pretenden agrupar cada dous anos os Mundiais de todas as modalidades que forman os deportes sobre rodas.

Ao país asiático viaxará o Club Patinaxe Artístico Gondomar, que competirá o vindeiro domingo 3 de setembro ás 18:30 horas (10:30 en España) na modalidade de Grupos Show Pequenos, co seu programa “Alma Torera”.

As dez patinadoras de entre 15 e 28 anos capitaneadas por David Figueroa tentarán plasmar de novo en pista un programa de alto nivel técnico coa elegancia e enerxía que lles fixeron merecedoras da medalla de bronce no Campionato de España celebrado en Cataluña o pasado mes de marzo, conseguindo o pase directo para o mundial.

Partindo como campioas galegas e en liza cos mellores grupos do panorama nacional, conseguiron por primeira vez na historia galega desta modalidade subirse ao podio cunha medalla de bronce que soubo a ouro, facendo vibrar a propios e estraños pola calidade deste programa que merece ser coñecido internacionalmente.

Un deleite técnico e artístico que fixo vibrar o pavillón de Barris de Nord, e co que o CPA Gondomar escribiu unha páxina da patinaxe galega conseguindo non só subirse ao caixón de bronce dun nacional por primeira vez senón tamén a súa partición nun mundial.