Xabi Fernández será premiado en Baiona como mellor regatista do ano

FOTO: MARÍA MUÍÑA // Xabi Fernández, Premio Nacional de Vela ao mellor regatista.

O patrón do MAPFRE na Volvo Ocean Race, o guipuscoano Xabi Fernández, recollerá o próximo 2 de setembro en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda que o recoñece como mellor regatista do ano. Ademais de valorar a súa extensa e laureada traxectoria como deportista, o galardón premia de forma especial a súa participación, como único representante español, na última edición da Copa América.

Fernández formou parte do desafío armado por Inglaterra para facerse coa Xerra das Cen Guineas, o prezado trofeo da competición de vela máis importante do mundo, na que batallou a bordo do Land Rover BAR armado por Ben Ainslie. Encargouse da vela ríxida, do mesmo xeito que xa o facía na Copa América do 2013, na que competiu co equipo italiano do Luna Rossa.

Son dous dos fitos do palmarés deste ibarrense de 40 anos que, tras anotarse en 1992 o seu primeiro título mundial na categoría xuvenil de Vaurien, non parou de sumar liñas. Dúas medallas olímpicas (ouro en Atenas 2014 e prata en Pequín 2008), tres campionatos do mundo, tres títulos europeos e cinco voltas ao mundo forman parte dun currículo deportivo no que se escribe agora unha nova liña, a do Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor regatista do ano.

O propio Fernández será quen o recolla o próximo 2 de setembro en Baiona, nunha gala organizada polo Monte Real Club de Yates no marco da celebración do 32º Trofeo Príncipe de Asturias. E farao coas miras xa postas no seu próximo proxecto, o de liderar ao MAPFRE na Volvo Ocean Race que arrincará de Alacante o próximo mes de outubro.