Unha trintena de equipos disputarán o XXII Torneo de Baloncesto 3×3 de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Torneo de Basket 3x3 de Baiona.

As Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona, conxuntamente co Club Baloncesto Baiona, organizan este venres 25 e sábado 26 de agosto a XXII edición do Torneo de Baloncesto 3×3, que se celebrará no parque da Palma coa participación dunha trintena de equipos.

A organización deseñou seis categorías diferentes para dar cabida a todos os interesados en participar, desde os Veteranos (máis de 40 anos), a Adultos (masculino e feminino), Sub-16, Sub-12 e Especiais.

Cada equipo deberá estar composto por un mínimo de 3 xogadores e 1 reserva, e un máximo de 6. Todos os partidos terán un só tempo de 20 minutos. Rematará o partido cando finalice o tempo establecido ou cando un equipo chegue a 21 puntos.

O XXII Torneo de Baloncesto 3×3 comezará o venres ás 10:00 da mañá coas fases clasificatorias. O sábado desde as 11:00 disputaranse os cuartos de final, semifinais e finais das distintas categorías, ademais do Torneo Especial- Torneo Campuzano ás 17:30 horas. A competición rematará ás 19:30 horas coa entrega de premios e agasallos conmemorativos.

Anuncios