O turismo náutico deixou máis de 100.000 € en Baiona durante o mes de xullo

FOTO: XUNTA DE GALICIA // O presidente de Portos de Galicia durante a súa visita a Baiona.

O municipio de Baiona situouse como líder do conxunto da comunidade autónoma na recepción de embarcacións en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións do Porto Deportivo de Baiona, unha das dúas dársenas náutico recreativas do municipio.

Durán Hermida, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, explicou que entre o Porto Deportivo de Baiona e o Monte Real Club De Iates recibíronse en Baiona un total de 362 embarcacións en tránsito durante o pasado mes. Deste xeito o municipio mantivo as boas cifras acadadas xa durante o primeiro semestre do ano, cando xa fora líder de Galicia en tránsitos, cun total de 350.

Tendo en conta as estimacións coas que traballa o sector, que fixan o volume de negocio que xeran estas embarcacións nuns 50 euros por pernocta e a media que establece a Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) de 1,5 pernoctas por tránsito, durante o mes de xullo o retorno económico para o municipio de Baiona derivado dos tránsitos recibidos foi de máis de 100.000 euros, entre os sectores auxiliares da náutica e os servizos xerais da vila.

Deste xeito, o municipio de Baiona como o conxunto das Rías Baixas confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2.800 tránsitos, un 18% máis que o ano pasado.

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.