A soprano Begoña Salgueiro ofrece o concerto “A ópera no cine” en Baiona

A soprano viguesa Begoña Salgueiro ofrecerá este xoves 24 de agosto o seu concerto “A ópera no cine” ás 23:00 horas na Praza do Concello de Baiona, incluído no programa cultural e de lecer Baiverán 2017 organizado pola Concellería de Cultura.

Begoña Salgueiro comeza a cantar a moi temperá idade, trasládase a Madrid e posteriormente a Italia. Ten o privilexio de formarse con artistas de gran prestixio como M. Caballé, R. Scotto, N. Argenta, M. Shirai ou M. Zanetti. Completa a súa formación artística cos directores de escena S. Gonella (Teatro Piccolo de Milán) S. Langridge (The Royal College de Londres) e G. do Monaco.

Actuou en recoñecidos festivais como Are More, Espazos sonoros, Festival de Edimburgo, e en Auditorios, salas institucións e teatros como Teatro Real xunto a Plácido Domingo, Teatro da Abadía, Teatro Novacaixagalicia, Teatro San Genesio de Roma, Salón Teatro de Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia, Auditorio Nacional de España, Auditorio Alfredo Kraus de Las Palmas de Gran Canaria, Auditorio de Vigo (é a primeira artista en estrealo xunto a Luz Casal), Círculo de Belas Artes de Madrid, Casa de Velázquez de Madrid, World Fishing Exhibition, Parlamento Europeo, Basílica de San Pedro do Vaticano e tamén o fai asiduamente en Francia, Italia, Portugal e EEUU sendo dirixida por importantes batutas.

Ademais, participa a miúdo en Ópera para nenos e música de cámara. O seu repertorio abarca ópera, zarzuela, oratorio, lied, canción de concerto e mesmo música contemporánea debido á versatilidade da súa voz realizando roles tanto de soprano como de mezzosoprano.