
Os corredores do Club Ciclista Rías Baixas gozaron dunhas merecidas vacacións durante o mes de agosto. Unha paréntese competitiva antes de penetrarse nun final de tempada tan esixente como atractivo. Nas próximas semanas espéranlles a Volta a Tenerife, a Volta a Valencia e, sobre todo, a Volta a Galicia.
A primeira cita para a entidade presidida por José Luis Chamorro terá como escenario a illa de Tenerife. Do 1 ao 3 de setembro, a formación miñorana repetirá experiencia en Canarias tras o seu sobresaliente debut a pasada campaña nesta rolda puntuable para o ránking da RFEC.
A edición número 62 desta carreira poñerase en marcha cun dobre sector, pola mañá unha etapa en liña (Buenavista – El Sauzal) e pola tarde unha contrarreloxo por equipos (Tejina – Valle de Guerra – Tejina). A segunda xornada empezará no Parador Nacional do Teide e concluirá na Basílica Nuestra Señora de Candelaria, mentres que a terceira e última desenvolverase entre Los Silos e La Laguna.
Ao seu regreso á península, o equipo concentrarase no hotel Valencia Congress para preparar as dúas últimas voltas do curso. O 7 de setembro arrancará a VI Volta Ciclista Provincia de Valencia e unha semana máis tarde a Volta a Galicia. Na carreira da súa terra, o Club Ciclista Rías Baixas defende o éxito logrado a tempada pasada con Samuel Blanco, vencedor da clasificación xeral final.