Nigrán inviste 60.000 € en obras de mellora en todos os colexios públicos de infantil e primaria

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán vén de investir 41.095,42 euros en actuacións de mellora en tres centros públicos do municipio (CEIP Carlos Casares de Vilariño, CEIP Mallón de San Pedro e CPI Dunas de Gaifar de Panxón), mediante a contratación de obras baixo a dirección do Arquitecto Municipal. A Deputación de Pontevedra outorgou unha subvención de 40.000 euros para este fin. A maiores, operarios municipais asumiron directamente os traballos no CEIP Humberto Juanes e Da Cruz (Camos), valorándose este investimento en 20.000 euros. Estas actuacións en todos os centros públicos de Infantil e Primaria do municipio suman 60.000 euros e benefician a máis de 2.000 alumnos que arrancarán o curso en setembro coas instalacións xa renovadas.

«En todos os casos se trata de reformas moi necesarias que se reclaman dende a propia dirección dos centros e que apuramos para facer no verán co obxectivo de non entorpecer para nada o curso escolar «, explica o alcalde, Juan A. González.

Así, no Carlos Casares investíronse 20.056,30 euros destinados á renovación do pavimento en tres aulas da planta baixa (Infantil), pintura de paredes e teitos en todas as aulas, comedor, aseos e ximnasio, renovación do alicatado en paredes do comedor e renovación de seis luminarias.

No CEIP Mallón da parroquia de San Pedro realizáronse obras de mellora nos vestiarios e patio do centro por importe de 10.107 euros. No primeiro renováronse as cabinas de ducha para dotalas de maior amplitude e capacidade xunto coa mellora da instalación e subministro de auga e do pavimento. No patio cuberto reparouse o revestido dos paramentos laterais para o seu acabado con pintura plástica.

No CPI Dunas de Gaifar, na parroquia de Panxón, investíronse 10.932,12 euros renovándose o pavimento en aulas e patio, as portas de madeira, algunhas das fiestras de aluminio (que pasaron a ser abatibles) e reparación dos paramentos interiores e pintado.

Finalmente, no CEIP Da Cruz da parroquia de Camos e no CEIP Humberto Juanes de Nigrán, operarios municipais levaron a cabo obras de redistribución de espazos mediante a eliminación de tabiques, pintado de aulas ou renovación de aseos. Estes traballos valóranse en 20.000 euros.

«Apostamos pola ensinanza pública e asumimos cada verán obras de mellora co obxectivo de non crear incomodidades durante o curso», resume o alcalde.