As últimas estimacións elevan a 35 as hectáreas afectadas polo lume declarado en Peitieiros

FOTO: CENTRO CULTURAL DE PEITIEIROS

A Consellería do Medio Rural vén de informar dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13:30 horas de hoxe. O incendio declarado na noite do luns en Gondomar permanece estabilizado desde as 5:00 desta madrugada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 35 hectáreas.

O incendio forestal declarouse ás 21:58 deste luns na parroquia de Peitieiros. O lume, segundo veciños da zona, iniciouse xusto despois da posta do sol e en varios focos á vez cunha separación duns 200 metros, o que fai supoñer que foi provocado. Nos labores de control levan traballado 8 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas e dúas pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.