Sin categoría

Os portos deportivos de Baiona recibiron 362 barcos en tránsito durante o mes de xullo

Os portos de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra recibiron 1.000 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra.

O porto deportivo de Baiona rexistrou o maior número de embarcacións destas características, con 235 tránsitos, seguido de Nauta Sanxenxo con 167. Pola súa parte, Combarro recibiu 156 tránsitos; Portonovo, 150; o Monte Real Club de Iates de Baiona, 127; Pedras Negras (O Grove), 91, e Moaña 88.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2.800 tránsitos, un 18% máis que o ano pasado.

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, a Consellería do Mar mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.