Os baioneses Iñaki e Gustavo López sóbense ao podio no Descenso Internacional do Miño

FOTO: FEDERACIÓN GALEGA DE PIRAGÜISMO // Iñaki e Gustavo no podio.

Novos éxitos deportivos para Iñaki López Rey e Gustavo López Leyenda. Os baioneses, pai e fillo e integrantes do Club Kayak Tudense, subíronse este sábado ao podio na XLVI edición do Descenso Internacional do Miño en piragua.

O tándem formado por Iñaki e Rafael González Álvarez fíxose coa vitoria na modalidade C-2 Veterano, cun tempo de 1:13:53,96. Gustavo conseguiu o segundo posto en K1-Cadete, cruzando a liña de meta cun tempo de 1:11:34,43, a case 6 segundos do vencedor.

A XLVI edición do Descenso Internacional do Miño en piragua constituíu todo un éxito de participación e público, que seguiu con interese a marcha das embarcacións, cun percorrido de 14 km en embarcacións dobres e individuais con saída en Salvaterra de Miño e chegada en Tui. Un evento no que preto de 600 piragüistas procedentes de toda a xeografía galega, portugueses, asturianos e arxentinos, encheron a augas do Río Miño.

Gustavo, terceiro na “Andar e Correr” de Baiona

O domingo, Gustavo volveu subir ao podio, nesta ocasión cambiando a piragua polo atletismo. Foi o terceiro clasificado da categoría Cadete Masculino na 33ª Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr” de Baiona, completando os 10 km de percorrido en 43:43.

GUSTAVO LÓPEZ LEYENDA NA CARREIRA PEDRESTRE POPULAR "ANDAR E CORRER" DE BAIONA
FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Gustavo López Leyenda, á dereita, na Carreira Pedestre Popular «Andar e Correr» de Baiona.
GUSTAVO LÓPEZ LEYENDA NA CARREIRA PEDRESTRE POPULAR "ANDAR E CORRER" DE BAIONA
FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Gustavo López Leyenda, terceiro da categoría cadete na Carreira Pedestre Popular «Andar e Correr» de Baiona.