Xeira do IEM “Garranos, lobos e estrelas” pola Serra da Groba

FOTO: IEM // Xeira "Noite de estrelas e lobos".

O Instituto de Estudos Miñoráns ofrece este venres 18 de agosto, coa colaboración do Concello de Baiona, a xeira «Garranos, lobos e estrelas» pola Serra da Groba. A xeira, que estará guiada por Xosé Lois Vilar, Bruno Centelles, e Xilberte Manso, ten como punto de encontro o merendeiro de Chan da Lagoa, ás 20:00 horas. Non é necesaria a inscrición previa.

A ruta rematará, xa en plena noite, facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas… e das “Bágoas de San Lourenzo”.

Como cada ano, a mediados de agosto, convocámonos para contemplar xuntos una das chuvias de estrelas máis agradecidas de todo o ciclo anual: “As Perseidas”, tamén coñecidas como as “Bágoas de San Lourenzo”.

É certo que as noites máis propicias para a súa observación foron as desta pasada fin de semana, especialmente a do sábado para o domingo, pero tamén é certo que naquela altura tiñamos Lúa chea, o que dificultaba bastante a contemplación do ceo nocturno. Nas xornadas inmediatamente anteriores a situación era aínda peor coa Lúa aparecendo polo leste cada vez máis cedo e cada vez máis chea.

Falarase das “Cousas do calendario”, dos movementos do noso pequeno planeta e das estacións do ano, de distancias e de tempos, da velocidade da luz, dos corpos celestes e tamén das principais estrelas e constelacións da noite estival.

Os asistentes compartirán un pouco da historia da astronomía e dalgunhas “historias” da astronomía e rematarán falando de cometas de estrelas fugaces e meteoritos…

Anuncios