Continúa o ciclo “Baiona con humor” con David Amor

Este mércores 16 de agosto continúa o ciclo “Baiona con humor”, incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2017 organizada pola Concellería de Cultura, coa actuación de David Amor. O monólogo comezará ás 23:00 horas na Praza do Concello de Baiona.

David Amor é un monologuista e actor pontevedrés que non tiña intención de facer rir, senón de ser xogador de balonmán profesional. Con todo, nun momento da súa vida o humor de cruzou no seu camiño… e terminou regalando gargalladas en bares, televisións e teatros.

Comezou a súa carreira como humorista no programa “O rei da comedia” e de aí pasou a “Super-martes”, “Luar”, “A terra dos prodixios”, “O programón”… na televisión galega. Ata creou un espazo propio, “Supermaster”.

A súa fama foi crecendo polos bares e empezou a presentar eventos de relevancia como o Campionato do Mundo de Hockey. Con esta experiencia David Amor tomou a decisión de presentarse ao casting do “Club del Chiste”, e algo debeu facer ben posto que lle colleron e empezou a traballar con grandes artistas como Leo Harlem e Martina Klein. Co primeiro mesmo creou un espectáculo, “Pasa a tomar un café cuando quieras…”, co que actuaron por teatros de todo o país.

Actualmente David Amor aparece en programas de TV como Gym Tony, onde é famoso por interpretar ao personaxe Tito. Ao mesmo tempo percorre os teatros de España demostrando que sabe algo máis que contar chistes. Dá charlas polos Institutos explicando como é o mundo da tele, realiza distintos cursos, traballa de cando en vez na radio, adéstrase e corre probas do campionato de España de quads, xoga co seu equipo de balonmán na elite…