Baiona clausura os campamentos urbanos cunha festa de despedida

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal e Beatriz González, este luns, despedindo aos nenos do campamento.

O Concello de Baiona pechou este luns os campamentos urbanos gratuítos que se celebraron durante os meses de xullo e agosto. A actividade, destinada a menores de 5 a 11 anos e que acolleu a máis de sesenta nenos e nenas da Vila, celebrou na Praza do Concello a festa de despedida.

As Concellerías de Cultura e Xuventude de Baiona organizaron os campamentos para ofrecer a posibilidade de que os nenos empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre os rapaces empadroados e os rapaces que teñen no concello a súa segunda residencia.

Durante o campamento desenvolveuse un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Houbo xogos de cooperación, visitas á Carabela Pinta e á Virxe da Rocha, realizaron un tramo do Camiño pola Costa e unha festa temática cada fin de quenda. O alcalde, Ángel Rodal, e a concelleira de Xuventude, Beatriz González, foron os encargados de despedir aos nenos este luns na derradeira actividade do campamento.