O Concello de Nigrán, a Asociación Eixo Tolo e o Centro Cultural A Camoesa celebraron este martes a tradicional baixada de carros de bólas na parroquia de Camos, evento recuperado hai dous anos tras máis dunha década sen celebrarse. A competición foi puntuable no Campionato Galego e desenvolveuse durante toda a mañá.
Participaron ao redor de 60 vehículos, desde triciclos a unha gravity bike, carros artesanais con rodas e os tradicionais carros feitos con rodamentos, coa obrigación do uso de casco, cobadeiras, xeonlleiras e contar con sistema de freado.
Nesta novena edición recuperouse o percorrido orixinal na rúa San Roque, onde naceu a espectacular proba. Así, deixou o barrio de Piñeiros e A Levada para regresar ao trazado primitivo, desde o Torreiro de Festas ata pouco antes do Pazo da Touza, adaptando os badéns existentes.
Cunha lonxitude de 1 km e un desnivel do 60%, deixou imaxes espectaculares ao superar os vehículos o 70 km/h e contar con grandes curvas. Neste escenario realizáronse tres mangas (unha de adestramento e dúas puntuables) nas modalidades individual e colectiva de carrilanas de rodamento, pneumáticas e triciclos, formando parte algunhas delas do Campionato Galego e outras fóra de competición, só como exhibición (nestas premiouse a orixinalidade do deseño).
Na categoría Drift Trike (triciclos) levou a vitoria Carlos Alcocer (1:34:580), acompañado no podio por Germán Castro (1:39:050) e Iago Arias (1:39:920). Sandra Souto (1:25:360) foi a única participante na modalidade Gravity Bike.
En carrilanas pneumáticas C1-C4 o gañador foi Sergio Martínez (1:07:950). En C8-C9 o mellor tempo foi o de José Iglesias (1:15:360), seguido de José M. del Río (1:17:000) e J. Carlos Alonso (1:19:490) en segunda e terceira posición respectivamente.
En carrilanas GX o primeiro clasificado en categoría colectiva foi Samuel Martínez (1:04:650), seguido de Sergio Rey (1:05:150) e Marcos Landín (1:14:370), segundo e terceiro respectivamente. Na categoría individual o primeiro posto foi para Salvador Costas (1:06:000), mentres que José M. Souto (1:06:160) e Samuel Mallo (1:06:830) ocuparon a segunda e terceira posición.
Ricardo Domínguez (1:17:290) levou a vitoria en carrilanas RX, categoría na que José Pérez (1:28:800) foi segundo e Manuel Baqueiro (3:55:210) terceiro. Na categoría Skeleton o gañador foi Mikel Corredoura (1:10:060), por diante de Alejandro Lago (1:12:420) e Rubén Iglesias (1:16:470).
O premio á carrilana máis elaborada foi para Son Goku (Trofeo + 100 euros), seguida por Los Picapiedra (Trofeo + 50 euros) e Batman (Trofeo + 30 euros). O premio á carrilana máis cutre racaeu en Piratas.

