
A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, inaugurará este mércores ás 13:00 horas a exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, nun acto que terá lugar no edificio da Policía Local de Gondomar. Esta iniciativa, réndelle homenaxe aos e ás deportistas olímpicos e olímpicas, por unha banda, e paralímpicos e paralímpicas, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e dos Xogos Paralímpicos en Río de Xaneiro.
A mostra estará aberta ata o domingo 27 de agosto e poderase visitar na aula neural do edificio da Policía Local de Gondomar de luns a venres en horario de 10.00h a 14.00h e de 18.00h a 20.00h e sábados e domingos de 10.00h a 14.00h.
A exposición, que comezou no Pazo Provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal, Cangas, Meaño, Oia, Mondariz, Poio ou Valga, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en varias localidades da provincia.
“De Pontevedra a Río 2016” recolle o palmarés dos e das 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.