Sin categoría

O Concello de Baiona acorda cos mozos da Vila un novo deseño e ampliación da pista de skate do Aral

A pista de skate do Aral será totalmente reformada e ampliada polo Concello de Baiona despois de manter varias reunións cos mozos que habitualmente utilizan as instalacións municipais para definir as melloras a levar a cabo nas vindeiras semanas.

A empresa Materval de Baiona será a encargada da reforma da pista de skate do Aral. Entre as obras que fará a Concellería de Vías e Obras se inclúe unha nova rampla para realizar xiros e un novo caixón para os saltos, ademais das labores de mantemento do resto da infraestrutura, co pintado da rampla e do chan. As melloras tamén pasan pola instalación dun perfilado con chapa mecánica e a retirada das vallas.

Os propios mozos e mozas da Vila foron os que deseñaron os cambios e fixeron chegar as súas peticións ao Concello de Baiona en varias reunións mantidas durante as últimas semanas. As previsións apuntan a que as melloras de ampliación estarán rematadas a primeiros do mes de setembro.

A pista de skate do Aral cumpriu xa 12 anos e a última reforma levouse a cabo hai catro anos. “Estamos moi orgullosos de que as instalacións se utilicen a diario e que sexan os propios usuarios os que definan as melloras, preferimos que o desgaste, tanto da pista como do resto dos parques de Baiona, sexa por uso e non porque estean infrautilizados”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.