Anuncios
Ticker de novas

Xeira do IEM para coñecer os monumentos, lendas e paisaxes de San Pedro da Ramallosa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este luns 14 de agosto o Instituto de Estudos Miñoráns organiza coa colaboración do Concello de Nigrán a xeira “San Pedro da Ramallosa. Monumentos, lendas e paisaxes”. A ruta, que será guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso, ten como punto de encontro a Capela de San Campio na Ramallosa ás 18:30 horas.

A parroquia de San Pedro da Ramallosa era coñecida no século XII como San Pedro de Filgueira, transformándose máis tarde en Filgueiras, denominación que segundo os libros parroquiais aínda mantiña a mediados do XVIII, antes de mudar para a actual. Durante o Antigo Réxime integrou o Partido de Val de Miñor polo que no político e gobernativo se debía ao Procurador Xeral do devandito Partido mentres que no contencioso estaba baixo xurisdición do Xuíz do reguengo de Baiona. Coa chegada dos concellos constitucionais San Pedro pasa a integrar o de Nigrán o 7 de decembro de 1836, ratificado mediante R.O. en febreiro do ano seguinte.

Esta xeira pretende complementar a que con final en Panxón realizou o IEM polos areais da parroquia o ano pasado. Aquela tivo como fío condutor o Rexionalismo arquitectónico e a repercusión que sobre algunhas das intervencións exerceron indianos nados nela. A presente, cunha motivación máis variada, atenderá a parámetros históricos, monumentais, paisaxísticos, etnográficos,… e rematará enlazando co tema da pretérita citada, o Rexionalismo e os indianos. Entre outras pezas comentarase a capela e cruceiro de San Campio emprazadas a carón do esteiro do río Miñor; a medieval ponte da Ramallosa, unha das máis belas de Galicia; as distintas edificacións do pazo de Pías; a murada granxa da Robaleira, de século XVI; un tramo da antiga Estrada Real ao Val da Louriña; a parroquial de orixe románica e o cemiterio hixienista no que asentan monumentais panteóns; a primeira adega de viño espumoso do Val de Miñor; cruceiros do XVI e XVII; e arquitectura rexionalista construída por indianos en emprazamentos de privilexio. Tamén falarán de encrucilladas e lendas, de persoeiros e algúns dos seus soños, de árbores senlleiras e paisaxes feridas. Todo durante as aproximadamente tres horas e cuarto que levará aos participantes percorrer os cómodos catro quilómetros e medio de trazado previsto.

Anuncios