Mañá venres, último día para inscribirse no “Flota como Poidas”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Nigrán pecha mañá o prazo de inscrición a xa tradicional concentración de «artefactos flotantes» chamada «Flota como Poidas», que terá lugar o domingo 13 de agosto ás 18,30 horas na ponte de Ramallosa, no Río Miñor. Os interesados teñen de 9.00 a 13.30 para anotarse na oficina de información do Concello de Nigrán ou ata as 20.00 horas a través de info@nigran.org (neste mail teñen que solicitar previamente a ficha de inscrición). A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 17.00 a 18.00 horas. Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma.

É obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante. O Concello premiará o artefacto flotante máis traballado e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao «Titanic» da edición.

O “Flota como Poidas” coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades Ovalmi e haberá tamén unha actuación de Cultura no Camiño (Asacocirco Show ás 17.30 horas na Alameda de San Campio).