Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil alerta sobre a proliferación das estafas de “emerxencias de familia”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil alerta sobre a proliferación dos timos telefónicos coñecidos pola “estafa de emerxencias de familia” ou a “estafa do avó”, porque na maior parte dos casos as vítimas adoitan ser persoas de avanzada idade.

Modus operandi

Facéndose pasar por familiares, os estafadores chaman por teléfono ou envían mensaxes pedindo desesperadamente que lles transfiran unha determinada cantidade de diñeiro de forma inmediata.

Adoitan dicir que necesitan o diñeiro en efectivo para axudarlles nunha emerxencia, para saír de prisión, axudarlles a pagar unha factura de hospital ou, como ocorre a maior parte das veces, para axudarlles a saír dun país estranxeiro.

O obxectivo é enganar á persoa coa que se poñen en contacto para que lles envíe o diñeiro antes de que poida darse conta de que se trata dunha estafa.

Últimos casos coñecidos

Durante os últimos meses están a proliferar as denuncias que se están recibindo sobre este tipo de estafas. Os dous casos máis recentes producíronse o pasado venres, día 4, nos que as vítimas foron dúas veciñas do municipio de Arbo.

O relato dos feitos é practicamente idéntico nas dúas incidencias: reciben unha chamada telefónica dun parente en Arxentina que supostamente está retido nun aeroporto (nun caso díxolles que estaba en Madrid e no outro en México) para dicirlle que necesitaba que lle enviasen, antes dunha hora, unha determinada cantidade de diñeiro, por un tema relacionado cos impostos.

O familiar que recibe a chamada, sen dubidar da súa orixe, dálle credibilidade á demanda de auxilio deste suposto familiar e realiza o pago do diñeiro solicitado, xeralmente a través de WESTERN UNION.

En ambos os dous casos, as vítimas recibiron ata dúas e tres chamadas posteriores demandándolles máis diñeiro para completar un incremento imprevisto do pago dos impostos ou dunha sanción sobrevinda.

Nun destes dous últimos casos, a vítima chegou a efectuar ata tres ingresos por un importe total de 5.300 € e no outro 3.700 €.

Con anterioridade, no mes de marzo deste ano produciuse outro timo das mesmas características que lle costou 2.000 € a unha persoa nonaxenaria, veciña do municipio de Poio.

Consellos

Ante a proliferación deste tipo de estafas, a Garda Civil aconsella que cando se reciban este tipo de chamadas telefónicas, resístase á presión de actuar inmediatamente calquera que sexa a gravidade da historia; que se verifique a identidade da persoa que chama facéndolle preguntas que un descoñecido non podería contestar; que se comprobe a veracidade da historia con outra persoa da súa contorna familiar aínda que lle dixeran que garde segredo; que nunca fagan o ingreso do diñeiro que lle solicitan e que poña o feito en coñecemento das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Garda Civil Telf. 062).

Anuncios