Anuncios
Ticker de novas

40 equipos disputarán a XVI edición do Torneo de Pas Praia de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Praia da Ribeira acollerá este sábado 12 de agosto a XVI edición do Torneo de Pas Praia Vila de Baiona, no que participarán un total de 40 equipos constituídos como mínimo por 2 xogadores e como máximo 3 con polo menos 13 anos cumpridos, podendo ser mixtos.

O torneo comezará ás 10:00 da mañá e desenvolverase en dúas fases, tentando que todos os equipos permanezan en competición o maior tempo posible. Os equipos deberán presentarse polo menos 30 minutos antes de cada partido.

Na fase previa, que se prolongará ata pasadas as 15:00 horas, o sistema será de liga todos contra todos a 1 set de 21 puntos con diferenza de dous. Nas fases eliminatorias será mediante sistema de eliminación directa ao mellor de 2 sets a 15 puntos.

Organízase en 8 grupos de 5 equipos pasando á fase final do torneo os dous mellores de cada grupo, mentres que para o cadro de consolación pasarán os terceiros e cuartos. Os últimos de cada grupo quedarán eliminados.

O torneo desenvolverase en tres pistas instaladas no areal, co único propósito de divertirse e realizar actividade física. As pas e as bólas serán facilitadas pola organización, así como bocadillos e bebidas como de costume para que todos os participantes pasen un día de praia.

A fase final comezará ás 16:30 horas, as semifinais ás 17:30 e a final ás 18:30 horas, estando prevista a continuación a entrega de premios e agasallos a todos os participantes.

Anuncios