Os Liébanas volven gañar a Regata de Gamelas tres anos despois

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

As augas de Baiona acolleron este venres a tradicional Regata de Gamelas, organizada un ano máis polas Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas con motivo das festas patronais da Anunciada.

Nesta edición, toda a regata volveuse centralizar nun único día, coa celebración das quendas clasificatorias e as finais masculina e feminina. Despois da entrega de premios, os participantes puideron gozar dunha festa fin de regata con paella, cervexa e música en directo.

Participaron un total de 15 parellas, 10 masculinas e 5 femininas, chegadas de Tui, Vilanova de Cerveira, A Coruña, Cangas, Bermeo, Baiona, A Guarda, Vigo, Nigrán, Vilagarcía, Ferrol e Moaña.

Na categoría masculina os gañadores foron Antonio Liébanas Blanco e Antonio Liébanas Méndez, que completaron as 0,400 millas con 6 longos e 5 xiros nun tempo de 9 minutos e 41 segundos. Trátase da oitava vitoria dos baioneses, pai e fillo, a última en 2014. 17 segundos despois cruzaron a liña de meta os guardeses Damián Alonso e Óscar Alonso. Pablo Sancho e Fran Liébanas, de Baiona, conseguiron o terceiro posto do podio cun tempo de 10 minutos e 16 segundos.

Sofía Rodríguez e Elisa Dias, de Tui e Vilanova de Cerveira, foron as primeiras clasificadas na categoría feminina, ao completar as 0,250 millas de percorrido, con 4 longos e 3 xiros, en 7 minutos e 25 segundos. O segundo posto foi para Lucía Carballido e Aroa Rendo, da Coruña e Tui, que cruzaron a liña de meta tras 7 minutos e 55 segundos. As tudenses Nuria Domínguez e Mª Cristina González pecharon o podio en terceira posición cun tempo de 8 minutos e 7 segundos.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibiron ademais de medalla un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Tamén houbo agasallos para todos os participantes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.