Anuncios
Ticker de novas

A Barbeira, elixida cuarta mellor praia de España

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A praia baionesa da Barbeira vén de ser denominada como cuarto mellor areal de España por TripAdvisor, o portal de viaxes e turismo máis grande do mundo e de referencia en todo o territorio nacional. A web Niumba, posta en marcha por TripAdvisor en 2013, elixira á praia da Barbeira para participar na votación anual na busca do mellor areal de España en 2017 e as votacións a situaron unicamente por detrás das praia de Muro e Alcudia (Illas Baleares) e Norte (Peñíscola).

Situada aos pés do Monte Boi, próxima a un pequeno piñeiral e xunto ao club náutico, a praia da Barbeira fora preseleccionada o pasado mes de xuño entre as 25 mellores de España e as votacións dos internautas a colocaron como a cuarta da clasificación de Niumba. A Barbeira xa entrou no mesmo ránking de 2016 entre as 50 mellores de España e en 2015 tamén formou parte dos 15 mellores areais de Galicia para o periódico “20 minutos”.

“Para o Concello de Baiona é un orgullo que unha das nosas praias fose seleccionada durante os últimos anos entre as mellores de España, demostra que dende a Concellería de Medio Ambiente faise un grande traballo”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.

Separada da praia da Ribeira polo baluarte do Cantiño, A Barbeira está orientada ao leste e está situada xunto ás instalacións do Monte Real Club de Yates e preto do núcleo urbano, cunha lonxitude de 220 metros e area fina e dourada.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) renovou esta ano a súa distinción de bandeira azul á praia de Barbeira, polo que xa leva dez anos co galardón. Ideal para os máis pequenos polas súas augas tranquilas e cristalinas, converteuse no areal por excelencia para as familias.

Porta de Felipe IV

Ademais, o acceso á praia faise por unha das portas históricas da Vila, a Porta Principal ou de Felipe IV. A súa construción remóntase ao século XVII, baixo o reinado de Felipe IV, e está presidida por un escudo dos Austrias, e debaixo do mesmo, unha inscrición. Son de interese as dúas columnas adosadas á porta que sosteñen dous alfís de pedra de grandes dimensións.

Catro bandeiras azuis

En Baiona tamén recibiron o galardón os areais de Os Frades, A Ribeira e A Concheira, ademais de premiar tamén co mesmo galardón ao Monte Real Club de Yates e ao Porto Deportivo de Baiona. Desta forma a Vila logrou o maior número de areais premiados e por primeira vez na súa historia logra una bandeira azul para A Concheira.

Anuncios