Baiona celebra este fin de semana as festas patronais da Anunciada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Virxe da Anunciada de Baiona.

Baiona celebra este fin de semana as grandes festas na honra da súa patroa, a Virxe da Anunciada, organizadas pola Concellería de Cultura.

O programa comezará o venres ás 20:30 horas, cando o malabarista Pablo Trasno ofrecerá o seu espectáculo de rúa na alameda da Carabela Pinta. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, os concertos do grupo baionés La Patrulla e Seguridad Social amenizarán a festa no Parque da Palma.

O sábado a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas «A Seneira» de Baiona a partir das 11:30 horas. Ás 12:30 horas pasarrúas polo caso antigo e concerto na Praza do Concello (13:00 horas) a cargo da Banda de Música de Baiona.

Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Igrexa de Santa María de Baiona, cantada polo Coro de Homes «Voces Baionesas». A continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata.

A media noite, terá lugar a gran tirada de lumes de lucería, que dará paso ao concerto “A idade de ouro do pop español” ás 00:30 horas no Parque da Palma, no que Alberto Comesaña de Amistades Peligrosas, Pablo Perea de La Trampa, Joaquín Padilla de Iguana Tango e Chus Herranz de Musicais farán un repaso aos éxitos dos anos 80.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga Va K Pinta abre de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo. Ás 12:00 horas pasarrúas da Escola de Danza Vila de Baiona, do grupo de pandereteiras “Monte Boi” e do grupo de gaitas “A Seneira” ata o parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.

Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo de circo e acrobacias aéreas “Circo Alas”.

Ás 23:00 horas, comezará a Gran Gala Musical, coas actuacións estelares de Sebastián Yatra, Tina Cousins, Melody, Karina e Bordon 4.

O luns ás 11:00 da mañá, celebrarase a Misa de “San Telmo” polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona, e pola noite, ás 23:00 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto de Rubén de Lis “Acústico Loop Tour”.