12 parellas masculinas e 5 femininas participarán na tradicional Regata de Gamelas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Concellaría de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organiza un ano máis con motivo das festas patronais da Anunciada a tradicional Regata de Gamelas «Gran Premio Euro Red Vigo 2016».

Nesta edición toda a regata volverá centralizarse nun único día, o venres 4 de agosto, coa celebración das quendas clasificatorias masculinas ás 17:30 horas. A final das mulleres será ás 19:00 horas e a dos homes ás 19:30 horas. Ás 20:00 horas está prevista a entrega de premios, e a partir das 20:30 haberá unha festa fin de regata con paella, cervexa e música en directo para todos os participantes.

Participarán un total de 17 parellas, 12 masculinas e 5 femininas, chegadas de Baiona, Tui, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Coruxo, Vigo, Nigrán, Moaña, Cangas, Vilanova de Cerveira, Bermeo e A Coruña.

As parellas femininas, ao ser 5, clasifícanse directamente para as finais. Na categoría masculina clasificaranse as 5 parellas que consigan os mellores tempos nas quendas clasificatorias.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibirán ademais do trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Haberá agasallos para todos os participantes.