Anuncios
Ticker de novas

Unha viaxe a Baiona en lugar de a EuroDisney como agasallo de Primeira Comuñón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O grupo de Palos de la Frontera foi recibido pola alcalde de Baiona.

O Concello de Baiona recibiu unha visita moi especial chegada dende un dos seus pobos irmáns, Palos de la Frontera. Un grupo de 30 persoas acudiu á Vila a pasar as súas vacacións, entre elas as netas de Juan Vázquez, un dos artífices do irmandamento entre ambos pobos hai xa máis de 42 anos.

Acompañados polo presidente da Asociación Pro Hermanamientos Cristóbal García Sarmiento, Mauricio Vilar, os visitantes foron recibidos polo alcalde, Ángel Rodal, quen lles deu a benvida e recordoulles a estreita relación que manteñen Baiona e Palos de Frontera polo feito histórico do Descubrimento de América e a chegada da Carabela Pinta.

As familias andaluzas explicáronlle ao rexedor baionés que a visita de vacacións estivo motivada polo desexo de dúas das nenas do grupo, Paula e Lucía, de 10 anos, con motivo da celebración da súa Primeira Comuñón. As pequenas rexeitaran, segundo explicaron os seus pais, unha viaxe a EuroDisney e preferiron como regalo unha visita a Baiona, onde teñen moitas amizades.

A Asociación Pro Hermanamiento apunta que á iniciativa destas dúas pequenas sumáronse seis familias máis, que decidiron vir degustar a nosa gastronomía, recrearse coas nosas paisaxes e gozar do suave clima que nos caracteriza.

“Este tipo de casos son os que demostran, unha vez máis, que o irmandamento entre dúas cidades é algo máis que un acto protocolario que se realiza unha vez ao ano e que, os que opinan que non serve para nada están moi equivocados”, asegurou Mauricio Vilar.

Anuncios