Anuncios
Ticker de novas

Rilla na Rúa queda en Nigrán dous días máis

FOTO: RILLA NA RÚA

A feira gastronómica itinerante “Rilla na Rúa”, considerada unha das “street food” máis importantes de España, amplía a súa estancia en Nigrán. Unha ducia de camións con comida gourmet a prezos populares continuarán aparcados en todo o paseo da Foz ata o martes 1 de agosto, festivo local.

Hamburguesas gourmet, arepas, xeados… calquera que se achegue ao Paseo da Ramallosa poderá continuar gozando durante todo o día de distintas propostas gastronómicas, ademais das actividades paralelas de lecer para toda a familia.

O Concello de Nigrán e Elemental Chefs ofrecen por segundo ano consecutivo este evento, que ademais trae concertos, obradoiros, espectáculos…

Así, hoxe luns de 19:00 a 20:00 horas, haberá unha clase gratuíta de zumba da man de Plaza Fitness, e a actuación de DJ Gramola ás 21:30. Mañá martes o programa previsto comezará ás 13:00 horas con DJ Old School, para continuar pola tarde, ás 18:00, coa actuación da escola de baile infantil LDanzia e obradoiros infantís “Diverneno” a partir das 20:00 horas. DJ Gramola pechará o evento ás 22:00 horas.

Nesta segunda edición participan 4 novas caravanas con propostas diferentes co obxectivo de dar un mellor servizo e variedade ao público, así, incorporáronse “Km Fuego”, comida desenfadada con toques orientais; “LaconLover”, propostas gastronómicas co porco (especialmente o lacón) como protagonista; “Misco-midas”, cociña de autor con fusión canaria; “Bendita Atabaka”, cociña vasca canalla e, finalmente, “Crepe Cabaret” con crepes doces e salgados.

RILLA NA RÚA

Anuncios