Sin categoría

A Deputación de Pontevedra aproba o proxecto Depoemprende II

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto “Depoemprende II”, que recibiu unha achega de 552.235,93€de fondos europeos xestionados pola Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (INCYDE).

A través deste proxecto, que ten un presuposto de 600.975€,a institución provincial pretende mellorar as capacidades das mozas e mozos que queiran ser emprendedores e emprendedoras a través da formación e do asesoramento. Amais, por outro lado, a Deputación pretende loitar contra o despoboamento do medio rural da nosa provincia fomentando a igualdade de oportunidades no acceso á formación.

Neste programa, que está destinado a persoas desempregadas menores de 30 anos e que ten 135 prazas, impartiranse accións formativas e de promoción en Pontevedra, Cangas do Morrazo, Porriño, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas. Xunto a estas accións, levarase a cabo un taller de motivación e promoción do emprendemento en cada unha das localizacións no que poderán participar ata un máximo de 150 persoas.

Ás persoas que finalicen os itinerarios de formación e que vaian formalizar o seu proxecto empresarial tamén poderán gozar de 15 horas de mentoring (5 presenciais e 10 online). Durante as fases de mentorización asesorarase e supervisarase as etapas iniciais da actividade económica. O obxectivo será solucionar dúbidas e acompañar o establecemento dos primeiros contactos e relacións iniciais con clientes, provedores e socios. Este asesoramento terá un prazo estimado de 4 meses.

Ademais, este ano tamén impartirase un módulo de “Planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios e microempresas” e, durante o 2018, en Vigo, Vilagarcía e Pontevedra, o Certificado de Profesionalidade en “Creación e xestión de microempresas” (520 horas).

Desta maneira queda aprobado un proxecto que conta cunhas axudas europeas que foron notificadas á Deputación de Pontevedra o pasado 20 de xullo e que supoñen o 92% do presuposto. Na convocatoria das axudas que xestiona INCYDE, “Depoemprende II”recibiu a segunda mellor puntuación da convocatoria, só por detrás da propia Fundación INCYDE.