A Deputación aproba case 500.000 € para a posta en marcha de proxectos sociais e sanitarios

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de 119 subvencións, por un valor total que ascende aos 490.887,03, dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia para realización de actuacións enmarcadas no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude durante este ano 2017.

Estas entidades teñen como obxectivo a realización de proxectos ou actividades dentro da provincia orientadas á intervención, asistencia, integración social e laboral, prevención e promoción do benestar daqueles colectivos que, atendendo ás súas especiais circunstancias, precisan dunha maior especificación técnica e interdisciplinar na súa intervención.

Así por exemplo, entre os proxectos subvencionados atópanse iniciativas dirixidas ao fomento da inclusión social de persoas con enfermidade mental crónica, unidades de apoio para a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, centros de día no medio rural, axudas para o pago de alugueres, hipotecas e alimentación a familias con baixos recursos, reparto de alimentos, terapias con animais para persoas con necesidades especiais, intervencións asistidas con cans para persoas maiores, explotación de hortas ecolóxicas como terapia para persoas con trastorno do espectro autista, obradoiros de musicoterapia, rehabilitación cognitiva con novas tecnoloxías en saúde mental ou servizos de fisioterapia para persoas con diversidade funcional, entre outras.

Por concellos, o número de entidades beneficiadas por estas axudas son de 1 en Bueu, 5 en Cangas, 1 en Crecente, 1 na Estrada, 1 no Grove, 2 na Guarda, 4 en Lalín, 2 en Marín, 1 en Meis, 1 en Moaña, 1 en Moraña, 2 en Mos, 2 en Nigrán, 1 en Pazos de Borbén, 2 en Ponterareas, 12 en Pontevedra, 1 en Porriño, 3 en Redondela, 1 en Sanxenxo, 1 Silleda, 2 en Tomiño, 2 en Tui, 1 en Valga, 58 en Vigo, 9 en Vilagarcía de Arousa e 2 en Vilanova de Arousa.