23 equipos disputaron en Praia América o IV Torneo de Rugby Praia Melgachos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os mellores equipos de Galicia e Norte de Portugal déronse cita o sábado en Praia América, Nigrán, para a cuarta edición do torneo de praia Melgachos Vellos Rugbiers, que se consolida como o torneo de rugby praia máis importante de Galicia e segue crecendo en asistencia e calidade.

En total xogaron 23 equipos distribuídos en tres distintas categorías, sénior masculino, sénior feminino e veteranos.

Os partidos deron comezo puntualmente ás 11:00 da mañá. O día, que se espertou gris e húmido, foi mellorando a medida que prosperaba o torneo e finalizou cunha excelente tarde de sol, rugby e bo ambiente na que se puideron ver a algunhas das figuras máis importantes do rugby galego, dentro e fóra do campo.

En categoría sénior masculino, os Manzanitas Beach Rugby gañaron claramente aos Camelias por 11 a 5, nunha final na que os Manzanitas impuxéronse pola súa rapidez, técnica e superioridade física ante un rival que chegou xusto de forzas e xogo tras un longo día de rugby.

En categoría sénior feminino, as Macavidelevantar gañaron pola mínima fronte ás Danaidas, nunha final que se decidiu nos últimos segundos a favor das primeiras por 9 a 8 ensaios.

Finalmente, en categoría veteranos, Camelias impúxose con comodidade ante Braga por 10 a 2. O xa tradicional derbi fraticida entre Melgachos Negros e Melgachos Mostazas decidiuse un ano máis a favor dos Mostazas, de tal modo que a culler de pau, que significa a aquel equipo que queda en última posición, volveu quedar en posesión dos Melgachos Negros.

O día concluíu cun insuperable terceiro tempo no que os participantes puideron gozar da posta de sol e as excelentes vistas do areal de Praia América.

Anuncios