A Polémica Banda dos Bechuchos actúa en Gondomar

Este domingo 30 de xullo continúa o programa Cultura de Verán organizado pola Concellería de Cultura de Gondomar coa actuación da Polémica Banda dos Bechuchos. O concerto comezará ás 23:00 horas no Parque da Coelleira.

A Polémica Banda dos Bechuchos nace en 2005 da man duns músicos que, dunha ou doutra maneira, acaban tocando na banda Lira de San Miguel de Oia.

A ecléctica formación musical dos seus compoñentes dá como resultado unha banda versátil, na que se funden o rock e a música popular galega.

Debido a isto, a Polémica presenta un repertorio formado por versións de grandes clásicos de diferentes lugares e épocas, xunto con melodías populares da Terra, axilmente mesturado todo na procura dun ambiente de festa e diversión.

Nos seus concertos, frenéticos, excitantes e en ocasións mesmo exaltantes; buscan transmitir a paixón pola música, sempre coa intención de non deixar indiferente a ninguén.