O PP dubida da legalidade do aparcadoiro habilitado na desembocadura do Río Muíños

FOTO: PP NIGRÁN

O Partido Popular de Nigrán, a través do seu Grupo Municipal, critica ao actual alcalde tras asegurar que creara o aparcadoiro do campo de fútbol de Lourido en Praia América e habilitado outro na desembocadura do Río Muiños. Os populares denunciaron esta semana a falta de aparcadoiros nas praias do municipio tras a eliminación de máis dun milleiro de prazas en Praia América e un centenar en Panxón, na Rúa Mariñeiro.

O Grupo Municipal do Partido Popular lembra que o campo de fútbol de Monte Lourido vén utilizándose en tempada estival, cando os eventos que alí se realizan permíteno, como lugar de aparcadoiro desde hai anos. “Só ten que facer memoria e lembrar que hai uns anos, foi el mesmo quen ‘denunciou’ que o goberno do PP estaba a cobrar polo aparcadoiro en Monte Lourido”.

O que realmente sucedía, segundo os populares, é que a Comisión de Festas de Praia América adoitaba, e adoita aínda, pedir un donativo para a súa festa, que se celebra nesta contorna, a quen entraba libremente no recinto. “Algo normal que vén realizando tamén nos últimos anos, mesmo nos que el é alcalde”.

Finalmente, o Partido Popular mostra a súa sorpresa ante o “aparcadoiro” creado na desembocadura do Río Muíños, desenvolvido sobre terreos presuntamente municipais ocupando chan ata chegar practicamente á marxe do río. “Poderíase estar a invadir un espazo nas marxes do río nos que non se podería desenvolver esta actividade de aparcadoiro”. Así mesmo sinalan que “parece máis ben creado para eliminar espazo que medioambientalmente debería coidarse”, e dubidan de que dita actuación sexa compatible coa lexislación actual de Augas de Galicia en canto á protección das marxes dos ríos, e conte co visto e prace e autorizacións deste organismo, “algo que solicitaremos preséntesenos”, afirman. “Coñecendo como actúa o actual equipo de goberno de Nigrán temémonos que non existen tales autorizacións”.

“O actual goberno eliminou miles de prazas de aparcadoiro no litoral de Nigrán e simplemente decidiu habilitar unha zona na que podería estar a cometer unha infracción ambiental e paisaxística, tras perder unha localización na que entraban miles de vehículos, para dar cabida a menos dun centenar”, conclúen os populares.